
LUME | teaser
En outubro de 2017 ardeu gran parte do territorio do sur da provincia de Pontevedra. Unha gran conmoción social articulada a través da exaltación sentimental propia das redes sociais colocou o problema dos lumes en primeiro lugar das preocupacións cidadás durante varias semanas. Porén, pasado un tempo non moi longo, e ante a ausencia de novos incidentes similares, a preocupación extinguiuse silenciosamente.
LUME é a nosa pregunta sobre este fenómeno. Os lumes, polo menos na Galiza, son o síntoma dun proceso máis profundo, relacionado coa desaparición do rural e coa fractura no modelo económico-social que articulou este país durante varios séculos. Dado o seu gran impacto emocional e dada a tendencia dos medios de comunicación a tratar as informacións sobre os lumes dende as coordenadas do espectáculo, o noso esforzo principal está orientado a buscar unha distancia reflexiva que nos permitira facernos as preguntas necesarias a salvo dos resortes emocionais e sentimentais que son típicos no tratamento deste fenómeno.
O resultado desta busca da distancia foi unha certa mirada contemplativa. Unha mirada dirixida non ao encantamento das lapas e da cinza e do fume nin ao estado de excepción que vai asociado (helicópteros, hidroavións, motobombas, brigadas de bombeiros, militares e voluntarios, xente fuxindo das súas casas) senón ao rutinario, aos procesos que transcurren baixo o selo da normalidade. A vida cotiá que parece non ter nada que ver con todo isto, como se vivíramos en dimensións paralelas que se conectasen de súpeto algunhas veces ao ano, trasvasando riadas de lume dunha a outra.
Xunto a isto tratamos de canalizar dúas preocupacións: que sucede cos restos de todas esas árbores queimadas, cal é o destino da madeira? E tamén, que vai pasando na nosa sociedade a medida que o tempo fai que nos alonxemos do fenómeno. Pensamos que hai un traballo de olvido que non é baladí. Hai unha intensidade singular no esforzo de esquecernos dos sucesos colectivos traumáticos baixo esa demanda de “voltar á normalidade”. É extraño, porque a nosa sensación é a de voltar á anormalidade. Esa mesma na que estamos instalados a cotío.