Algo así como un manifesto pero menos
“Gustaríame celebrar as pequenas formas do cinema: a forma lírica, o poema, o estudo, o boceto, o retrato, o arabesco e a bagatela, e as pequenas cancións en 8 mm. Nun tempo no que todo o mundo quere ter éxito e vender, eu quero cantar a aqueles que abrazan o fracaso social e diario para perseguir o invisible, as cousas persoais que non dan diñeiro nin pan, nin fan historia contemporánea, historia da arte, nin de ningún outro tipo. Eu avogo pola arte que facemos os uns para os outros, como amigos.”
Jonas Mekas
– Mirar –
Abrimos os ollos e o mundo abráianos coa súa extensión, coa súa intensidade, coa apariencia ilimitada da súa superficie, coa complexidade da súa profundidade. Abrimos os ollos e as obras dos seres humanos prodúcennos toda a gama de sensacións e de emocións que nos fai ser parte dese construto coñecido como humanidade. Abrimos os ollos e, nos espellos, intuímos os abismos que somos nós mesmos, os rasgos comúns ás obras da humanidade e aos obxectos do mundo, os rasgos propios que nos diferencian dunhas e doutros. Abrimos os ollos e sabemos que temos tanto que mirar que a exhaustividade é imposible pero o placer da comprensión e a necesidade de seguir mirando a toda costa incluso cando xa non damos procesado o que miramos poden con nós. Abrimos os ollos e gustaríanos non pechalos nunca, tal é a nosa fascinación, tal é o noso castigo e tal é a nosa tarefa. Abrimos os ollos. Abrímoslos moito.
– Ouvir –
“Se non queres mirar pechas os ollos, pero se non queres escoitar…”
Así se presentaba o colectivo escoitar.org fai case dez anos nunha entrevista que lembramos con especial reverencia. Nesa frase está contida a inevitabilidade da nosa relación co son e, polo tanto, a obriga da selección e da separación entre o que é relevante e o que non o é. Sabendo que os papeis son intercambiabeis en función do contexto e que o que hoxe resulta banal no proceso de escoita mañán pode ser peza fundamental. Escoitar sempre é un acto íntimo co mundo. É o máis próximo -escluíndo á morte- a unha fusión imposible con todo o que existe. Un achegamento a unha idea xeral do universo polo camiño do absolutamente particular que contén cada un dos seus obexctos. O mundo sedúcenos polos ollos pero rómpenos o corazón cada vez que poñemos os nosos oídos na dirección correcta e escoitamos o seu latexo.
– Gravar –
Gravamos porque a memoria individual é unha ficción construída con esforzo e porque a memoria colectiva é un relato cheo de liñas de fuga. Gravamos porque entre as capas das ficcións que nos contamos a nós mesmos e entre o tecido dos relatos que conforman a historia oficial e as súas versións alternativas, nalgún punto existe algo inalcanzable que chamaríamos “verdade”. Gravamos porque queremos dar voltas arredor dese lugar, queremos danzar arredor da verdade e ser construtores dun algo material que dea testemuña das cousas que xa foron. Gravamos porque non entendemos nada e queremos a moviola da realidade. Gravamos porque contar historias é a forma de enfocar o mundo. Gravamos porque no lugar no que poñemos a nosa mirada aspiramos a que haxa sempre un incendio ou, polo menos, o resto de algo que ardiu. Gravamos porque miramos e ouvimos e non nos chega con iso. Como se nos faltase algo que nunca poderemos facer noso. Gravamos.