Ciclo de cinema Agnès Varda
O pasado marzo de 2019 finou a creadora francesa Agnès Varda á idade de 90 anos. A súa traxectoria artística é inmensa, abranguendo os ámbitos do cinema, a fotografía, a escritura e a instalación. No ámbito cinematográfico considérase precursora da nouvelle vague, sendo colega e amiga de todos os grandes nomes do movemento, en especial de Jean-Luc Godard. A súa obra fílmica amosa como elementos centrais a tensión entre o documental e a ficción, as interseccións entre realidade e imaxinación, a vida dos obxectos domésticos, o diálogo coa historia da arte, a importancia das paisaxes da súa vida -as praias singularmente- ou a preocupación polos habitantes máis desfavorecidos da súa Francia natal. Ademais de todo isto unha fonda mirada feminista impregna toda a súa cinematografía ao longo de seis décadas de produción.
Dende Mirasons, en colaboración coa crítica e programadora de festivais Elena Duque, cos Multicines Norte e coa Alianza Francesa, temos artellado un pequeno ciclo en homenaxe á súa figura durante os xoves do mes de novembro. A hora de proxección será, para cada filme, as 20.10 horas. O calendario é o seguinte:
7 de novembro: Clèo de 5 a 7
14 de novembro: Os espigadores e a espigadora
21 de novembro: Sen teito nin lei
28 de novembro: Caras e lugares
12 de decembro: Varda por Agnès
Vémonos os xoves nos Multicines Norte!